A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou a apertura do seu curso académico nun acto no Pazo de San Roque en Santiago de Compostela tamén transmitido pola canle de YouTube da RAGC. Asistiron ao evento o presidente da RAGC, Juan M. Lema Rodicio, outros membros do equipo de goberno e académicas e académicos da entidade. Ademais, contouse coa presenza de autoridades como o reitor da Universidade de Santiago (USC), Antonio López; a directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey; e o secretario Xeral de Universidades da Xunta de Galicia, José Alberto Díez de Castro. Juan Quintás, catedrático de Análise Económica e académico: “Estamos en plena fase de transición cara unha globalización severamente ralentizada e gobernada por tendencias que modificarán profundamente o mundo no que vivimos” O académico numerario da RAGC, Juan R. Quintás Seoane, ofreceu unha lección maxistral, titulada “A globalización en transición”. O catedrático de Análise Económica, que foi presidente da Confederación Española de Cajas de Ahorro (CECA), manifestou que, en contra do que moitos cren, “a globalización non é unha etapa radicalmente nova e inédita do capitalismo, senón a forma máis recente de vellas tendencias trans-seculares, onde o seu despregue temporal adopta unha dinámica pendular”.