O historiador Fernando J. Devoto incorporouse este mércores 16 de xuño ao claustro de doutores honoris causa da USC nunha cerimonia celebrada no Paraninfo da Universidade, presidida polo reitor Antonio López e na que o catedrático Ramón Villares actuou como padriño. Na súa lección maxistral o profesor Devoto abordou a cuestión do lugar e da situación de enunciación do historiador, alén de realizar un percorrido polo seu vínculo con Galicia dende que en 1992 fora convidado a participar nun foro impulsado pola profesora Pilar Cagiao. O profesor Villares Paz aproveitou tamén a súa intervención para poñer o foco na “traxectoria académica e investigadora extraordinaria” do profesor Devoto ao que cualificou como historiador “nómade” en referencia aos seus periplos dende a cidade de Bos Aires, pasando por moitos países americanos e europeos, ata aterrar en varias universidades españolas.