Acto de celebración da Festividade de San Tomé de Aquino, patrón da Universidade, no Salón de Actos da Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo. O reitor da USC, Antonio López Díaz, salientou este venres o “total compromiso” da institución académica coa sede universitaria luguesa, así como coa cidade e coa provincia de Lugo, no marco do acto académico conmemorativo da festividade de San Tomé, patrón da Universidade, celebrada na Facultade de Veterinaria, onde reiterou a inequívoca vontade do seu equipo de goberno de defender e traballar a prol do “afianzamento da actual oferta de titulacións e polo robustecemento da estruturas de investigación no Campus de Lugo”. A cerimonia académica conmemorativa da festividade de San Tomé de Aquino congregou no auditorio da Facultade de Veterinaria unha ampla representación do equipo de goberno da USC, entre os que cabe citar a presenza do vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga; a secretaria Xeral da USC, Dulce García Mella, e o xerente da institución, Javier Ferreira, ademais de delegados do reitor, decanos e directores de centros universitarios e membros do Consello Social da USC. A presenza institucional e social no acto de San Tomé tamén foi nutrida, como o proba a presenza na sesión do Conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, o tenente de Alcaldesa do Concello de Lugo, Rubén Arroxo; a Subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, a delegada territorial da Xunta en Lugo, así como de deputados, senadores, parlamentarios autonómicos, deputados provinciais e, entre outros, académicos e demais responsables políticos e militares.