Autor do vídeo: Manel Iglesias. Kip Thorne é Premio Nobel de Física en 2017 "polas súas contribucións decisivas ao detector LIGO e a observación de ondas gravitacionais". Kip Thorne naceu en Logan, Utah (Estados Unidos), en 1940. Graduouse en física no Instituto Tecnolóxico de California (Caltech) e realizou o doutoramento en Princeton, en 1965, baixo a dirección de John Archibald Wheeler, o gran pioneiro da Relatividade Xeral tras a morte de Albert Einstein. Ao completalo regresou a Caltech, onde desenvolveu a maior parte da súa carreira académica. 9 de maio de 2025 Kip Thorne, Premio Nobel de Física 2017, continúa coa súa axenda en Compostela como convidado no programa de divulgación científica ConCiencia, da USC e do Consorcio de Santiago. Thorne foi este venres 9 de maio protagonista da clase de ‘Gravitación’ onde puido compartir o seu coñecemento co estudantado da Facultade de Física da USC. O científico foi recibido a primeira hora da mañá pola decana Elena López Lago, o profesor Javier Mas Solé e o director do programa ConCiencia, Jorge Mira. Durante a súa estadía neste centro da USC, Thorne aproveitou para visitar a mostra que con motivo da súa visita, organizou a biblioteca da Facultade sobre a súa traxectoria. Na mostra realízase un percorrido pola súa biografía, actividade investigadora, premios acadados e academias e institucións nas que participa. A exposición pode visitarse na sala de lectura da biblioteca ata o 16 de maio.