FALAMOS CON… é unha miniserie documental dedicada a persoas que pola súa implicación académica-docente, científica-investigadora, profesional, de xestión administrativa e servizos contribúen ao avance e modernización da Institución universitaria. Co testemuño dos protagonistas constrúese un retrato poliédrico do personaxe, a súa traxectoria vital e humana. Unha viaxe entrañable ás súas raíces, á orixe familiar, á infancia e escolarización, aos anos de mocidade e contexto da súa Formación Superior, a súa dedicación á Universidade e ao recoñecemento social. Celso Rodríguez Fernández é profesor titular da Área de Álxebra da Facultade de Matemáticas da USC desde 1984. Durante a súa traxectoria na Universidade de Santiago de Compostela, desempeñou diferentes cargos directivos: Decano da Facultade de Matemáticas, Vicerreitor de Estudantes e de Ordenación Académica e Titulacións, Director do Departamento de Álxebra e desde 2018 é o Delegado do Reitor en materia de Educación Secundaria. Polo seu traballo na Universidade Compostelá gustaríalle ser lembrado como "unha persoa honesta, dedicada a Universidade, que nunca buscou un beneficio persoal nin para os amigos".